27.6.16

Pequena singradura no Atlantis



Ao día seguinte da noite de San Xoan de 2016, xuntámonos tres vellos mariñeiros (Iván, Xoan e Fuco) para dar unha volta e facer algunhas probas a bordo do Atlantis.



O venres 24 de xuño contra ás cinco e media da tarde zarpamos dos pantaláns do Liceo Marítimo de Bouzas. Aparellamos o barco con trinqueta e un rizo na maior para remontar a costa galega cara o norte cun vento de entre 25-30 nos do N-NW. A tarde estaba soleada máis algo fresca.

Saimos da ría de Vigo pola bocana norte navegando de bolina amurados a estribor.


Mantivemos ese bordo a mar durante unhas horas. Foi un bordo incómodo xa que colliamos as ondas pola proa e dábamos pantocazos de cando en vez. Pero o barco tiña un comportamento moi mariñeiro e avanzabamos a 6-7 nos de velocidade. Por esta razón o noso armador Iván decidiu botar unha soneca reparadora dos excesos da noite de San Xoan.

A unhas tres millas ao oeste de Ons Xoan e eu decidimos virar hacia terra cansos do mar de proa que facia moi incómoda a navegación. Agora coa mar pola amura de babor a navegación era máis cómoda e puidemos degustar unhas cervexas acompañadas duns suculentos bocatas de salami e queixo. Había moito peixe no mar, por iso recibimos a visita dos Mascatos.

Ao través de Salvora puidemos contemplar o solpor. Tamén nese momento ergueuse o noso armador de tan bo humor que propuxo recalar nalgún porto a pasar a noite. Xoan e eu acollimos con ledicia a proposta. Xoan, grande coñecedor de calquera recuncho da costa galega, propuxo pasar a noite nun porto coñecido pola excelencia do seu percebe. Daquela abrimos rumbo e arrumbamos ao canal do norte entre Sagres e Sálvora. Contra as once da noite tiñamos amarrado e arranxado o barco, ainda puidemos cear nunha das tabernas do porto. Regresamos ao Atlantis co bandullo cheo para dar conta duns refrescantes gin-tonics que axudaron a durmir mellor.



O día 25 de xuño zarpamos contra as once da mañan e puxemos rumbo ao norte. Ceñimos con vento do nordés de 18 nos até o baixo dos Cobos frente a cabo Corrubedo.







Tamén os golfiños viñeron visitarnos.  Nos baixos de Corrubedo viramos cara ao sur para probar o asimétrico novo enrolabel. Tras algunhas deliberacións para coordinar a maniobra, izamos a vela. Con vento pola aleta de babor navegamos até a entrada da ría de Vigo arribando a Bouzas contra as seis da tarde. Xa amarrados aprobeitamos para escoitar un pouco da mellor música e comer algo.