28.8.17

Pequenos tesouros de Ons.


Todos sabemos dos maravillosos areais, cantís, fondos mariños etc, que lle ofrecen Cíes e Ons aos turistas. Non son tan coñecidos outros tesouros máis pequenos. Estes días andivemos na procura deses pequenos tesouros que hai en Ons e que non están indicados para os visitantes.

A Laxe do Abade ou do Crego recibe ese nome do sepulcro antropomorfo que se atopa nela. Probabelmente a liña de costa estaba no que hoxe é mar e alí excavaron unha tumba. 



Restos romanos na praia de Canexol. Os estudosos din que probabelmente son dunha factoría de salgadura de peixe.



Castrelo dos mouros. Nunha elevación están os restos dun Castro. O único que está limpo e se pode transitar é o foxo defensivo que rodea o alto, o resto hai que imaxinalo.



A cova dos mouros. Moi perto do castro atópase a cova dos mouros no que hai enterrado un gran tesouro que aínda está por desenterrar. Na cova tamén hai un pasadizo subterraneo que permite ir até a pedra Cairo no mar, aínda que ninguén o atopou. 


Antiga igrexa de San Xacinto.



O patrón da illa tiña esta igrexa perto da praia de Canexol até que nos anos 60 de século XX o planificador estatal decidiu que había que reformar a illa. O estado expropiara a illa nos anos 40 e nos 60 decidiu que aquelo non podía seguir así, daquela creose o novo barrio de Curro. Constrúese unha nova igrexa, unha nova escola, unha casa para o mestre, para o cura, para o médico, a “Casa forestal”, lavadoiros comunitarios e un graneiro. O que non se 
construíu foi o que pedían os veciños: un embarcadoiro. Pero xa se sabe que os expertos saben mellor que a xente o que é necesario. Total que os mariñeiros e a súas familias acabaron marchando para Bueu, a escola empregouse uns poucos anos, a vivenda do cura e do médico nunca se chegaron a utilizar e o graneiro tampouco.

Un pequeno exemplo do fracaso da planificación social. Alguén pode pensar que aqueles expertos fracasaron porque eran fascistas e que uns expertos coa ideoloxía axeitada non fracasarán. Erro. A planificación social dirixida é un mecanismo de resolución de problemas moito pior que a libre interacción descentralizada de múltiples entidades e persoas. O fracaso da planificación social non ten que ver coa ideoloxía dos políticos.

Na illa aínda fican outros tesouros por atopar pero irei pouco a pouco descubrindoos. Se algúen quere ler sobre estes tesouros e outros de Ons pode consultar Ons unha illa habitada.